40 anos de transformación compartida
Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas
Revista ECO. Xuño 2026

En 1986, coa entrada de España nas Comunidades Europeas, Galicia iniciou unha profunda transformación económica, social e territorial que marcou decisivamente o rumbo da nosa comunidade. Corenta anos despois, Europa forma parte inseparable da Galicia moderna, unha Galicia máis conectada, máis competitiva, máis aberta e con capacidade para afrontar os retos do futuro.
A integración europea permitiu acelerar procesos de modernización necesarios
para a nosa rexión. As políticas de cohesión e os fondos europeos contribuíron a mellorar infraestruturas, reforzar servizos públicos, apoiar o sector produtivo e impulsar novas oportunidades para as empresas, as universidades e a cidadanía. Para isto, desde 1986, Galicia recibiu máis de 36 mil millóns de euros de financiamento europeo, unha cifra que evidencia a importancia que tivo a UE no noso desenvolvemento.
Pero estes corenta anos non poden explicarse unicamente desde a perspectiva económica. Europa significou tamén cooperación e internacionalización. Galicia pasou a formar parte dun espazo político, económico e social compartido con millóns de cidadáns. Hoxe, a mobilidade estudantil, a cooperación transfronteiriza, a presenza das empresas galegas nos mercados internacionais ou a participación en proxectos europeos son parte da nosa realidade cotiá.
Ao mesmo tempo, a nosa rexión entendeu cedo a importancia de consolidar unha presenza propia no ámbito europeo. A creación da Fundación Galicia Europa, en 1988, respondeu precisamente á necesidade de estar presentes nos espazos onde se debaten e deciden cuestións fundamentais para o noso futuro. A experiencia destes anos demostra que as rexións teñen moito que aportar ao proxecto europeo e que a súa construción require tamén dunha visión territorial, próxima ás necesida-
des da cidadanía.
EUROPA FORMA PARTE INSEPARABLE DA GALICIA MODERNA, UNHA GALICIA MÁIS CONECTADA, MÁIS COMPETITIVA, MÁIS ABERTA E CON CAPACIDADE PARA AFRONTAR OSRETOS DO FUTURO
Hoxe, Galicia é unha comunidade ben posicionada no ámbito europeo. Unha rexión que coopera con numerosos territorios e institucións para dar resposta a desafíos compartidos. Ese papel activo cobra aínda máis relevancia nun contexto internacional como o actual, marcado pola incerteza xeopolítica, a necesidade da transición enerxética, o reto demográfico ou a transformación tecnolóxica. Europa enfróntase a desafíos de enorme magnitude e Galicia quere seguir contribuíndo a esa resposta común desde a súa identidade atlántica e o seu compromiso europeísta.
Mais a fortaleza do proxecto europeo depende da proximidade á cidadanía, de explicar mellor Europa e de favorecer unha participación informada no debate europeo.
E é neste contexto, e coincidindo co 40 aniversario da entrada de Galicia na UE, que nace
Europe Direct Galicia, unha iniciativa xestionada pola Fundación Galicia Europa, avalada pola súa ampla experiencia e pola confianza depositada nela pola Comisión Europea. Iniciativas como esta representan a vontade de reforzar os vínculos entre a UE e a sociedade galega, achegando información, promovendo o diálogo e contribuíndo a unha maior comprensión dos desafíos e oportunidades que compartimos.
Corenta anos despois da entrada de Galicia na UE, é incontestable que Europa foi unha das grandes historias de éxito colectivo da nosa comunidade. Ao longo destas décadas, Europa contribuíu decisivamente á nosa transformación e, hoxe, Galicia tamén contribúe activamente á construción do futuro comunitario.
Nun mundo cada vez máis interdependente, Galicia seguirá atopando en Europa un espazo de cooperación, estabilidade e oportunidades para construír o seu futuro. Porque o máis importante é que este camiño continúa.









