Aberto o prazo para solicitar as prácticas no Comité Europeo das Rexións
As prácticas teñen unha duración de cinco meses e permiten adquirir experiencia profesional nunha institución europea con sede en Bruxelas

O Comité Europeo das Rexións abriu o prazo para solicitar as súas prácticas, unha oportunidade para coñecer de primeira man o funcionamento dunha institución europea e adquirir experiencia profesional nun contorno internacional e multicultural.
As prácticas teñen unha duración de cinco meses e desenvólvense a tempo completo en Bruxelas. As persoas seleccionadas reciben unha axuda económica mensual, ademais de diferentes apoios vinculados aos gastos de viaxe e mobilidade e á cobertura de seguros.
A próxima convocatoria corresponde ao período de prácticas que se desenvolverá entre o 16 de febreiro e o 15 de xullo de 2027. O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o 1 de outubro de 2026, ás 12:00 horas (hora de Bruxelas).
As prácticas están dirixidas a persoas que conten cun título universitario completo ou que cumprisen, como mínimo, o terceiro ano de estudos superiores antes de que remate o prazo de solicitude. Tamén é necesario dominar unha lingua oficial da Unión Europea e ter un coñecemento satisfactorio de inglés ou francés.
Durante o proceso de solicitude, as persoas candidatas poden indicar ata tres departamentos do Comité Europeo das Rexións nos que lles gustaría realizar as prácticas. Só se permite presentar unha candidatura por cada período de prácticas.
Desde Europe Direct Galicia recomendamos non agardar ata os últimos días para presentar a candidatura, xa que a acumulación de solicitudes pode provocar unha elevada carga na plataforma e dificultar o envío.
Prazo de solicitude: ata o 1 de outubro de 2026, ás 12:00 h (hora de Bruxelas).
Máis información e solicitude aquí









