Discurso sobre o estado da Unión pronunciado pola presidenta von der Leyen
«Só dará fe o discurso pronunciado»
A versión orixinal do discurso pode lerse aquí.

Imaxe: Comisión Europea, 2026
ESTRASBURGO, 16 DE SETEMBRO DE 2026
Presidenta Metsola:
Primeiro ministro Carney:
Señorías:
«Era o mellor dos tempos; era o peor dos tempos». Con estas palabras, Charles Dickens describe Europa nos días da Revolución francesa, palabras que tamén ofrecen unha fiel descrición do mundo no que vivimos. A velocidade do cambio é vertixinosa. Os retos son excepcionais. Así pois, tras dirixir hoxe a miña mirada a Europa, expoño aquí a miña visión da situación: o estado da nosa Unión é o máis robusto que nunca coñecemos. Ao mesmo tempo, ás veces temos a sensación de que o estado da nosa Unión é o máis precario da súa historia.
Estas dúas afirmacións poden parecer incompatibles. Pero ambas son certas. E reflicten este momento excepcional. Esta complexa era de grandes posibilidades e grandes perigos, na que todos os países buscan o seu camiño.
Neste mundo, Europa optou por forxar o seu propio camiño. E agora emerxe unha Europa máis forte. Unha Europa independente.
Unha Europa que consolida a súa prosperidade. Que se libera da súa tóxica dependencia dos combustibles fósiles rusos. Que se converteu na maior potencia comercial do planeta. Que está transformando a súa política industrial sen renunciar á defensa do noso singular modelo social.
Unha Europa que é máis capaz ca nunca de defenderse. Que reconsiderou radicalmente o enfoque que aplica á protección das nosas patrias. Que, tan só nos últimos cinco anos, aumentou o gasto en defensa en case un 80 %.
Unha Europa na que nos defendemos uns aos outros. Do mesmo xeito que permanecemos ao lado de Ucraína na súa loita polo seu futuro e pola nosa liberdade. Ou cando apoiamos Groenlandia cando estaba ameazada. Ou cando os drons, os ataques híbridos ou a desinformación se cernen sobre as nosas democracias.
Todo isto demostra unha cousa: que Europa nunca abandona os europeos. E que, na fría fraxilidade do mundo actual, só Europa pode ofrecer unha verdadeira soberanía aos europeos.
E, polo tanto, señorías, esta é unha Europa da que podemos sentirnos inmensamente orgullosos.
Ao mesmo tempo, todos somos conscientes das ameazas ás que nos enfrontamos. Ao esvaecer todo aquilo que dabamos por suposto e deteriorarse as relacións tradicionais, atopámonos agora fronte a un mundo abertamente hostil. Unha guerra territorial de agresión fai estragos no noso continente; outras estalaron na nosa veciñanza. A loita polas capacidades industriais está configurando a competencia mundial. E unha pugna de relatos trata de debilitar a confianza en Europa; de paralizar as nosas democracias.
Pero as preocupacións dos cidadáns non derivan só destas grandes ameazas mundiais. Os efectos das numerosas crises fanse patentes en moitas familias europeas, sobre todo no custo da vida e da vivenda. A vertixinosa velocidade do cambio e da tecnoloxía está afectando os nosos postos de traballo, os nosos medios de vida e a nosa sociedade. E, ademais, está tendo profundas repercusións na nosa democracia e no noso discurso.
Podémolo apreciar no auxe do extremo, na perda de matices, mesmo na forma en que nos relacionamos uns cos outros.
Estas preocupacións, que son reais, están a utilizarse como arma para abrir unha fenda entre nós. Ás veces desde o exterior e outras —con demasiada frecuencia— desde o interior. Pero o noso camiño está claro. Construír unha Europa independente que teña capacidade para actuar. Nada pode desviarnos desta senda. Porque, neste mundo, o destino de Europa debe seguir nas mans dos europeos.
Polo tanto, a nosa disxuntiva está clara. Queremos unha Europa forte e independente que defenda os seus valores neste mundo? Ou deixamos que as divisións e as dependencias nos freen? Queremos agruparnos arredor da nosa idea europea de que, xuntos, podemos decidir o noso propio destino? Ou deixamos que as nosas democracias sexan socavadas polos secuaces e as marionetas dos autoritarios?
Dá igual que se trate dos ultranacionalistas ou dos antieuropeos, da inxerencia ou da desinformación rusas, os nomes poden ser diferentes. Os nomes poden cambiar, pero o seu obxectivo é o mesmo. Desprezan os nosos valores e desexan quebrar a nosa unidade europea. Así pois, loitemos contra todo isto, loitemos tamén, xuntos, pola nosa idea europea.
Señorías:
A nosa economía resistiu mellor do esperado as repercusións das guerras en Oriente Próximo. E o desemprego atópase en mínimos históricos. Pero as presións derivadas do aumento dos prezos da enerxía e dos custos do endebedamento atenazan tanto particulares como empresas.
Haberá que tomar decisións claras de política fiscal para garantir a sustentabilidade das finanzas públicas, protexendo ao mesmo tempo o investimento. Así pois, a nosa gran prioridade é reactivar a economía europea.
Dispomos dun enorme mercado, dunha industria e duns servizos de categoría mundial, dun gran volume de aforro e dunha das principais moedas do mundo. E, malia iso, seguimos fragmentando o noso capital, as nosas redes e o noso poder adquisitivo.
Por ese motivo, cando iniciamos o noso mandato, puxemos en marcha un plan ambicioso. Construír unha economía na que a innovación e a enerxía flúan sen fronteiras. Na que as empresas compitan e medren en toda Europa, e o aforro financie o noso futuro. Tal é a lóxica dos informes Draghi e Letta. E, xuntos, estamos obtendo resultados. Pero todas as institucións, todas, temos que ser máis rápidas.
Xa temos o acordo político sobre a folla de ruta «Unha Europa, un mercado». E, antes de que remate o vindeiro ano, podemos e debemos completar xuntos esta revisión histórica do mercado único.
Na economía actual, a rapidez é esencial. Un permiso ou un formulario, unha conexión á rede ou unha decisión de financiamento: todos estes factores poden determinar onde se realiza un investimento. Onde se crean postos de traballo. Temos que actuar con moita maior celeridade. Por iso, presentaremos propostas para axilizar aínda máis a concesión de permisos.
Cando os proxectos redunden no interese estratéxico de Europa, temos que acelerar drasticamente os procesos. E cando a carga administrativa estea a ralentizar as empresas e as pemes, temos tamén que reducilos ao máximo.
Como xa saberán, as nosas doce propostas ómnibus están reducindo a carga administrativa por un valor próximo aos 17 000 millóns de euros ao ano. Pero a simplificación non pode ser unha vía de sentido único. Os interlocutores de todos os niveis teñen que poñerse mans á obra. Levamos moito tempo falando dos danos que causa a sobrerregulación.
Señorías:
Si, estamos facendo todo o posible a escala europea para reducir a burocracia. Pero creo que chegou o momento de que os Estados membros redobren os seus esforzos. Se tomamos en serio a simplificación, necesitamos tamén un pacto contra a sobrerregulación.
Señorías:
Europa non pode seguir sendo unha potencia industrial se os prezos da súa enerxía son estruturalmente demasiado elevados.
Cando Rusia cortou o gas, defendémonos. Os nosos subministros están agora máis diversificados. E investimos nas nosas enerxías limpas autóctonas: enerxías renovables e enerxía nuclear.
Pero entón produciuse o peche do estreito de Ormuz. E, unha vez máis, pagamos a tremenda factura da nosa dependencia xeral dos combustibles fósiles importados. Desde que se iniciou o conflito, os combustibles fósiles importados custáronnos 90 000 millóns de euros adicionais, sen que iso nos achegase nin unha soa molécula de enerxía.
Polo tanto, temos que redobrar os nosos esforzos para obter unha enerxía limpa, accesible e autóctona. Xa se trate de enerxías renovables ou enerxía nuclear, ou de biometano e outras. Solucións tecnoloxicamente neutras, pero que deben proporcionarnos a independencia.
Para lograr esta independencia, temos que electrificar Europa. O noso obxectivo é duplicar a porcentaxe de electricidade de aquí a 2040. De acadalo, Europa podería reducir a súa factura de importación de combustibles fósiles en 260 000 millóns de euros ao ano. Pero tamén temos que garantir que a electricidade que xeramos estea dispoñible.
O ano pasado instalamos máis de 80 gigavatios de capacidade renovable. Pero aínda queda por conectar unha capacidade seis veces superior. Esta é a razón pola que necesitamos, con tanta urxencia, o paquete de medidas sobre as redes eléctricas.
Debemos investir máis rápido. Acelerar as conexións á rede. Ampliar a capacidade de almacenamento. En suma: fagamos que o futuro de Europa sexa eléctrico.
Señorías:
Podemos reducir os prezos da enerxía, investir e innovar máis e reformar as nosas economías. Pero todos estes esforzos son infrutuosos se as nosas empresas non compiten en igualdade de condicións.
O noso déficit comercial con China é neste momento de 1 000 millóns de euros ao día! Acadou un punto crítico. Hai quen di que o segundo «shock de China» é inminente. Pero xa está aquí. Déixase sentir nas nosas comunidades e nas nosas fábricas en toda a Unión. Conduce á desindustrialización dos núcleos industriais de Europa. É unha situación insostible.
E é o motivo polo que entablamos un diálogo con China para reequilibrar o noso comercio. Diálogo que debe, agora, dar resultados. A menor demanda interna de China significa que tamén precisa do noso mercado europeo. Así que redunda no interese de ambas as partes traballar xuntas na procura de solucións.
Quero ser clara: utilizaremos todos os instrumentos ao noso alcance para reequilibrar a nosa relación. As palabras son importantes. Pero os feitos valen máis.
E hai outro argumento. Aínda temos demasiadas dependencias perigosas. Dependemos de China en máis do 80 % para moitas materias primas fundamentais, e no 90 % para algunhas terras raras. Fixemos moito. Pero non somos os únicos que estamos intentando diversificar. Temos que abastecernos e ampliar as nosas reservas, con urxencia.
Ningún país pode conseguir este obxectivo por si só. Así que temos que cambiar a nosa forma de pensar. Esta é a razón pola que crearemos unha nova Corporación Europea de Materias Primas Fundamentais. Esta entidade axudaranos a obter e almacenar todo o que necesitamos para os coches eléctricos, os chips e as baterías, as tecnoloxías limpas e a defensa. E para moitas outras cousas.
Disto non depende só a nosa industria, senón tamén a nosa independencia e seguridade.
Isto lévame ao meu seguinte punto: o financiamento. Falando con toda claridade: o noso orzamento define o noso futuro. E todo orzamento moderno precisa de novos recursos propios.
Debemos crear as condicións que permitan ás nosas empresas atraer investimentos e medrar. De aí que o noso labor arredor da Unión de Aforros e Investimentos sexa tan esencial. Pero o desenvolvemento dos mercados de capitais require tempo. E as necesidades das nosas empresas son urxentes. Necesitamos un sistema bancario construído para o crecemento, non só para a estabilidade.
Por iso, presentaremos un novo paquete bancario centrado na simplificación e na loita contra a fragmentación. Sabemos que a demanda de capital existe. Pero necesitamos unha maior capacidade de risco e unha maior predisposición ao risco.
As nosas empresas emerxentes de tecnoloxía profunda avanzan a bo ritmo para atraer, en 2026, un investimento récord de capital risco. Ese é o motivo polo que o ano pasado anunciei un novo Fondo Europeo para Empresas en Expansión.
Un ano despois, realizáronse os primeiros investimentos en empresas como ICEYE. ICEYE foi creada por dous mozos europeos: Rafał, de Polonia, e Pekka, de Finlandia. Coñecéronse a través de Erasmus hai uns quince anos. Uníronse para fundar unha empresa emerxente tecnolóxica. Desenvolveron a súa idea arredor das imaxes por satélite. Obtiveron financiamento do programa Horizonte. Demostraron que a súa tecnoloxía funcionaba. Medraron grazas ao investimento privado. E, hoxe en día, constitúen unha das empresas líderes en tecnoloxía espacial do mundo, con oficinas en Finlandia, Polonia, España e Grecia.
A historia de ICEYE pon de manifesto que Europa é o continente da innovación. E que podemos reavivar o espírito emprendedor de Europa.
Estou encantada de ter hoxe aquí connosco os seus fundadores. Señorías, demos xuntos a benvida a Rafał e Pekka, protagonistas de todo un exemplo de éxito europeo.
Señorías:
Estes son os fundamentos económicos de Europa. Pero a nosa prosperidade e seguridade futuras dependerán en gran medida de como xestionemos os puntos de inflexión que marcan a nosa era: o cambio climático e a IA.
En canto ao cambio climático, este verán foi o verán da verdade, no que case ningunha zona do noso continente quedou indemne. En Bélxica, na zona das Hautes Fagnes, unha turbeira formada ao longo de varios séculos ardeu ata converterse nun ermo cuberto de cinzas.
As lapas arrasaron desde as montañas de Irlanda ata as illas de Grecia e Croacia. Nos Alpes, os antigos glaciares seguen retrocedendo día tras día. Todos estes elementos teñen un efecto simplemente devastador: 660 000 hectáreas reducidas a cinzas. Uns doce millóns de toneladas de cultivos perdidos.
Ríos tan fundamentais como o Danubio, o Rin e o Garona están a desaparecer ante os nosos ollos.
Polo menos 35 000 mortes máis durante as vagas de calor, con residencias de maiores e hospitais afectados por un sobrequecemento que alcanzou temperaturas perigosas. E todo isto non é máis que un adianto do que está por vir.
Estes foron os meses de verán máis cálidos da historia, pero probablemente os máis fríos dos anos vindeiros.
A ciencia afírmao con claridade: Europa quéntase o dobre de rápido que a media mundial. Por suposto, a transición é complexa. E teremos que adaptarnos e aprender sobre a marcha.
Pero non hai ningunha dúbida: Europa manterá o rumbo cara á consecución dos seus obxectivos climáticos. Pode e debe facelo.
Señorías:
Non é unha cuestión de mitigación ou adaptación. As dúas son necesarias e deben reforzarse mutuamente. É a única maneira de alcanzar a resiliencia fronte ao cambio climático. Pero temos que reforzar drasticamente a preparación.
O mes que vén presentaremos un novo marco para a resiliencia fronte ao cambio climático. Determinaremos os cen territorios máis vulnerables de Europa. E avaliaremos os riscos e a que nivel deben xestionarse.
Este marco achegará un enfoque que inclúa toda a sociedade, ata o nivel local, onde a adaptación é aínda máis importante. E o seu obxectivo será converter Europa no líder no ámbito das tecnoloxías de adaptación ao cambio climático, un enorme mercado emerxente.
Tanto se falamos de cultivos resistentes á seca, prevención de inundacións ou refrixeración eficiente desde o punto de vista enerxético, Europa xa é líder. E debemos aproveitar este mercado.
Na actualidade, só arredor do 25 % das perdas debidas a catástrofes en Europa están cubertas por seguros privados, o que significa que, con demasiada frecuencia, os orzamentos nacionais convértense na aseguradora de último recurso.
Temos que adoptar medidas para cubrir esta lagoa. Por iso, a Comisión creará unha alianza de seguros climáticos.
Señorías:
O que pasou este verán non se pode repetir. Por iso, proximamente tamén presentaremos un plan europeo contra as vagas de calor. Necesitamos mellores sistemas de alerta temperá e unha mellor preparación no ámbito sanitario. Temos que promover a adaptación e a refrixeración urbanas. E temos que apoiar as persoas máis vulnerables.
O segundo punto refírese á seguridade hídrica e alimentaria.
Coñecemos os riscos relacionados coa escaseza de auga para os nosos agricultores, a nosa enerxía e as nosas cadeas de subministración. E, con todo, en Europa, as tubaxes perden case un litro por cada catro litros de auga, principalmente debido a fugas. Que desperdicio! Así pois, presentaremos unha nova iniciativa europea para a auga. Porque a auga é preciosa, tanto para a nosa industria como para a nosa seguridade alimentaria.
Os cultivos necesitan auga para medrar e o gando necesítaa para sobrevivir. Dela dependen colleitas enteiras. Por este motivo presentaremos propostas para mellorar a xestión de riscos e abordar as deficiencias en materia de seguros.
Unha vez máis, os agricultores e gandeiros europeos estiveron á altura do reto que supuxo este verán interminable.
Señorías:
Os agricultores e gandeiros europeos son os mellores do mundo. E apoiarémolos en todas as etapas do camiño.
O seguinte punto refírese aos incendios forestais. Cada vez son máis intensos, máis frecuentes e máis extensos.
Estou moi orgullosa da resposta de Europa. De ver os nosos efectivos europeos voando por todo o continente. Pero é evidente que temos que pensar de maneira máis ambiciosa e que temos que aprender máis rápido.
Por iso, pedimos a algúns dos bombeiros e persoal de emerxencias máis veteranos de Europa que dirixan este labor. Examinarán todos os aspectos relacionados coa preparación e a prevención. Desde a coordinación civil-militar ata as necesidades de novas capacidades. E pedinlles que presenten propostas, por exemplo, para crear unha futura frota europea de extinción de incendios.
Só este ano, os nosos servizos de emerxencia salvaron innumerables vidas e fogares. E hai unha historia que me gustaría contar. É a historia dun piloto danés, Rune Kyndal.
A súa paixón pola aviación levouno a percorrer todo o mundo. Instalouse nunha pequena cidade canadense chamada Terrace e converteuse nun dos pilotos civís máis experimentados do país. Pero Rune quería poñer o seu talento ao servizo dunha misión máis importante. De maneira que regresou a Europa para axudar a combater os incendios forestais ao longo e ancho do noso continente.
En xullo levou a cabo con éxito numerosas misións en toda Grecia. Despois diso, supoñíase que ía gozar dun merecido descanso. Pero a emerxencia atopábase no seu punto álxido, así que Rune decidiu quedar.
Uns días máis tarde tivo un tráxico accidente, xunto cun funcionario de enlace do equipo de bombeiros.
Os dous morreron. Morreron como heroes.
Pedín á nai e aos irmáns de Rune que estean hoxe aquí connosco como convidados especiais.
Querida Margit, querido Tue, querido Kaare:
é unha honra tervos connosco. Rune deu a súa vida para salvar outras persoas. Hoxe, toda Europa está en débeda con el.
Señorías:
O segundo punto de inflexión que marca a nosa era é a intelixencia artificial.
A IA está a converterse rapidamente nun elemento fundamental da nosa economía e da nosa seguridade. A posición de Europa é clara. Queremos aproveitar ao máximo a IA para mellorar a nosa sociedade, a nosa calidade de vida e a nosa produtividade.
Son optimista e considero que a IA ten o potencial de beneficiar a humanidade, se facemos as cousas ben. Pero, como ocorre con calquera nova tecnoloxía potente, a IA leva aparellado todo un equilibrio de posibilidades e riscos. Se non abordamos estes riscos, nunca poderemos aproveitar as posibilidades da IA.
A medida que os modelos de fronteira teñen unha capacidade cada vez maior, estes riscos están cobrando maior relevancia.
Os modelos que se están desenvolvendo permitirán levar a cabo actividades de piratería informática a unha escala que nunca teriamos pensado que fose posible. E pronto estarán en mans de adversarios que ven o mundo de maneira moi diferente a nós.
Ao mesmo tempo, os perigos dos modelos de automejora fanse cada vez máis evidentes.
Os incidentes de axentes de IA que saen do seu contorno ou introducen códigos maliciosos son só un pequeno exemplo. Tras o incidente de Hugging Face, os desenvolvedores están a dar a voz de alarma. E os directores xerais das empresas máis avanzadas dinnos que chegou o momento de poñer freo aos modelos de automejora recursiva. De marcar o ritmo do desenvolvemento da tecnoloxía de vangarda.
Se as persoas que están desenvolvendo a tecnoloxía o teñen claro, nós tamén deberiamos telo claro. Por suposto, o Regulamento de Intelixencia Artificial é un elemento crucial para establecer salvagardas. E sitúa Europa nunha posición privilexiada para poder influír de forma decisiva nas iniciativas mundiais destinadas a facer fronte a esta situación.
Así que reforzaremos a nosa colaboración cos nosos socios afíns, como Canadá, o Reino Unido e outros socios. Queremos colaborar na avaliación e verificación dos modelos, a alerta temperá, a seguridade da IA e moitas cousas máis.
Invitarei os principais laboratorios de vangarda a un debate sobre como podemos apoiar os esforzos en curso da industria para marcar o ritmo da tecnoloxía de fronteira.
Señorías:
Tamén é certo que Europa necesitará as súas propias capacidades, en particular para protexer a nosa seguridade nacional.
Temos que seguir sendo competitivos. Porque é crucial para a nosa independencia. Polo tanto, temos que impulsar enormemente a nosa capacidade de computación. E presentaremos as nosas ideas sobre como logralo de maneira limpa e eficiente.
Tamén desenvolveremos novas formas de utilizar fondos públicos e privados para investir nas empresas europeas máis prometedoras, xa sexan empresas emerxentes ou sociedades consolidadas.
Señorías:
Ao limitar os riscos da IA, podemos maximizar os beneficios. Xa fixemos moito. No que respecta ás xigafactorías e á soberanía tecnolóxica, por exemplo. Pero a seguinte etapa desta carreira non trata só dos modelos de vangarda. Do mesmo xeito que aconteceu noutrora coa imprenta, que foi inventada por un inventor alemán, pero que se dominou e aplicou en toda Europa Occidental.
Non é necesario que sexamos nós quen desenvolvamos a tecnoloxía de fronteira, senón que sexamos quen lle saque maior proveito. A clave é crear o valor que a IA aínda non achegou. Levar a IA das pantallas á economía e á sociedade reais. Nas plantas de produción. Nas salas dos hospitais. Na agricultura de precisión. Nas nosas redes enerxéticas. Para a condución autónoma. Para a defensa.
Aí é onde se agocha o valor real. E é tamén aí onde Europa ten grandes vantaxes. Temos industrias de categoría mundial que dispoñen de datos da máxima calidade. Estes datos constitúen un valioso tesouro europeo. Grazas a eles é posible impulsar modelos industriais de IA á medida.
Vou poñerlles un exemplo de tipo social. Sobre o cribado do cancro de mama, unha cuestión sobre a que moitos de vostedes levaron a cabo unha campaña incansable. O cribado mediante mamografía reduce a mortalidade en aproximadamente un 30-40 % entre as mulleres que o realizan. A detección precoz é esencial. E aí é onde pode intervir a IA.
As mamografías con intelixencia artificial poden detectar máis cancros e de maneira máis temperá durante o cribado. E, como consecuencia, máis mulleres poden sobrevivir. Polo tanto, necesitamos IA para a saúde. Pero, de novo, debemos facelo á maneira europea.
Quero que o meu médico teña acceso instantáneo, coa axuda da IA, a todos os datos necesarios para elixir o mellor diagnóstico ou tratamento? Si, por suposto. Pero quero que o meu médico sexa un robot asistido por IA? Non, por suposto que non. Non quero que un robot me diga se teño cancro ou non.
A cuestión é que a IA debe empoderar os nosos médicos, non substituílos.
Este é só un exemplo. Na actualidade, estamos centrados en cinco dos sectores de maior valor nos que a IA industrial ten o maior potencial e sobre os que dispoñemos dos datos necesarios: a saúde, o transporte, a agroalimentación, a fabricación avanzada, a defensa e o espazo.
En novembro anunciaremos iniciativas revolucionarias nestes sectores.
Convidaremos os Estados membros, os deputados ao Parlamento Europeo, a industria e os empresarios a unirse a nós neste ambicioso proxecto europeo.
O noso enfoque é claro. Queremos a IA. Queremos que a IA xere máis valor de maneira máis responsable, a un custo máis baixo e cun menor consumo de enerxía. Pero, sobre todo, queremos unha IA con intervención humana.
Señorías:
Esta é a maneira europea.
Moitos dos riscos da IA tamén teñen repercusións para a nosa economía social de mercado. Algúns afirman que a IA lles permite acelerar as tarefas repetitivas e facer un mellor uso das súas capacidades. Pero é evidente que estes beneficios se distribúen de maneira desigual en función das capacidades, xeracións e rexións.
Pensemos na mocidade e nos obstáculos aos que se enfronta, só para obter un primeiro emprego.
A nosa resposta debe ir en consonancia. Desde a educación ata o emprego, a IA debe axudar a desenvolver capacidades, mellorar a calidade dos postos de traballo e ofrecer aos traballadores unha oportunidade xusta.
Por iso necesitamos unha Lei de Emprego de Calidade. E cumpriremos este obxectivo antes de finais de ano.
Señorías:
O ano que vén celebraremos o décimo aniversario do noso piar europeo de dereitos sociais. E seguiremos cumprindo a súa promesa.
Investiremos nas nosas rexións, para que todas as persoas teñan «dereito a permanecer» nelas. Poñeremos en marcha o Pacto Europeo de Coidados para abordar os retos relacionados co cambio demográfico.
Acabamos de propoñer a primeira Lei da Vivenda para facer fronte aos alugueiros de curta duración e á especulación en materia de vivenda.
Porque, señorías, permanecer nunha rexión non é un privilexio. Os coidados non son un privilexio. A vivenda non é un privilexio. Son dereitos.
Cando hai dez anos proclamamos este piar de dereitos sociais, o mundo era diferente. A nosa sociedade cambiou. En moitos sentidos a mellor, noutros non.
Hoxe, os nosos valores fundamentais están sendo cuestionados. Algunhas persoas mesmo queren retroceder nos dereitos das mulleres. Devolvernos a unha época na que as mulleres eran cidadás de segunda clase.
Loitamos tanto pola igualdade de trato, a igualdade de oportunidades e a igualdade salarial.
Miren esta sala. Por fin, somos moitas as que estamos aquí: presidentas, vicepresidentas, líderes de grupo, comisarias, deputadas ao Parlamento Europeo, membros do persoal e acomodadoras.
Así pois, permítanme enviar unha mensaxe moi clara a todos aqueles que o necesiten: as mulleres están aquí para quedar. Defenderemos os nosos dereitos. E seguiremos defendendo os nosos valores cada día.
Por este motivo, xunto co meu querido amigo António Costa, organizaremos un cumio para defender os principios duradeiros do noso piar social.
É posible que os tempos cambien e que as tecnoloxías cambien, pero non así os nosos valores. En Europa, as persoas sempre estarán en primeiro lugar.
Señorías:
Nesta era de puntos de inflexión, a nosa prosperidade e seguridade non se construirán só na casa.
Este ano asinamos acordos de libre comercio coa India, Mercosur, México, Australia e Indonesia.
Agora temos acordos comerciais con máis de oitenta países, máis ca ninguén no mundo. E as empresas pídennos máis.
Hoxe podo anunciar un novo proxecto de conectividade internacional. Conectará o Cáucaso Meridional e Asia Central directamente co mercado europeo, o que denominamos o Corredor Intermedio.
A través de Global Gateway, o noso obxectivo será atraer ata 12 000 millóns de euros en investimentos públicos e privados. O noso obxectivo é diversificar as rutas, triplicar os fluxos comerciais e reducir considerablemente os tempos de tránsito das mercadorías de aquí a 2030.
Para facelo realidade, organizaremos un cumio rexional de conectividade co primeiro ministro de Bulgaria.
Señorías:
Estas asociacións son unha opción estratéxica para Europa. Pero tamén responden á fractura do sistema internacional baseado en normas.
Para algúns, a resposta é seguir pola súa conta. Pero para nós, isto non é unha opción. Europa sempre liderará cando se trate de defender o sistema baseado en normas. Pero xa non podemos confiar nel como a única maneira de garantir os nosos intereses. Nin supoñer que as súas normas nos protexerán das complexas ameazas ás que nos enfrontamos.
Neste novo mundo, debemos repensar con urxencia as nosas asociacións. E forxar coalicións mundiais a favor da nosa resiliencia e das nosas democracias.
E tamén neste caso, só Europa, co seu tamaño e o seu poder, pode tomar a iniciativa.
E por iso convidei o primeiro ministro de Canadá, Mark Carney, a estar hoxe aquí.
Mark, a túa presenza aquí é un símbolo da amizade duradeira entre os nosos cidadáns. Os nosos vínculos culturais, históricos e persoais están profundamente arraigados no tecido das nosas sociedades.
E grazas ao CETA, o noso comercio de mercadorías medrou un 75 % en menos dunha década.
Isto demostra o poder dos nosos acordos comerciais. Vemos o mundo cos mesmos ollos: desde a IA ata o cambio climático e desde o Ártico ata a xeopolítica. E mantivémonos unidos: respecto de Ucraína, a defensa, as materias primas e as cadeas de subministración.
Pero, por riba de todo, estimado Mark, Europa e Canadá cren na democracia.
Cremos que ese poder non pertence aos máis fortes, aos máis ricos ou aos máis estridentes, senón a todos nós. E é que as democracias teñen liberdade para elixir con quen traballar.
Así pois, estamos unindo forzas voluntariamente. Pasaremos do CETA a unha Alianza para o Futuro co fin de crear un espazo común de prosperidade e seguridade económica. Traballaremos na fabricación intelixente. Crearemos unha alianza tecnolóxica. Integraremos as bases industriais da defensa. Converteremos o Ártico nun proxecto conxunto emblemático. Traballaremos nos ámbitos da enerxía, os minerais fundamentais e as baterías. Na seguridade da IA e na seguridade cuántica, cibernética e económica.
Trátase dunha asociación que non vai contra ninguén, senón a favor da nosa forza común.
En resumo, queremos levar a relación con Canadá ao máis alto nivel posible.
Estimado Mark:
Dixen que debemos repensar con urxencia as nosas asociacións. Así pois, gustaríame traballar contigo para abrir a porta a que Canadá sexa o primeiro membro asociado da UE.
Compartimos un océano, un conxunto de valores e unha forma de ver o mundo. E agora tamén construiremos o noso futuro común: grazas por estar aquí!
Señorías:
A confianza de Europa na cooperación sempre estivo impulsada pola paz. É a nosa razón de ser.
Hoxe, esa paz está ameazada. A guerra de agresión de Rusia contra Ucraína continúa. E as ameazas no noso territorio van en aumento. Esta última semana vímolo en Dinamarca, Lituania e Polonia. O intento de ataque con drons en Leipzig é unha proba máis. Temos que ser claros respecto do que foi isto. Un ataque con material militar perpetrado por axentes rusos en territorio europeo.
Un ataque non só contra un Estado membro, senón contra toda a nosa Unión.
E, señorías, non o permitiremos.
Non debemos facernos ilusións sobre o que está a acontecer aquí: as ameazas híbridas ás que se enfronta Europa son cada vez menos híbridas e cada vez máis ameazas.
Ciberataques e sabotaxes, incendios provocados e incursións de drons. Cada día son máis. Así pois, a medida que aumenta o nivel da ameaza, tamén debe aumentar a preparación de Europa.
Por iso propoñerei, xunto coa AR/VP, unha nova estratexia europea de seguridade.
Xa dispoñemos de moitas ferramentas. E estamos reforzando o noso traballo coa OTAN. Pero a nosa doutrina, as nosas institucións e a nosa toma de decisións non seguiron o ritmo da nova realidade.
Os nosos sistemas creáronse para un mundo diferente. Están impulsados por intentos ben intencionados de consenso e compromiso. Pero temos que preguntarnos se seguen sendo adecuados para a súa finalidade.
Por exemplo, Europa necesita o seu propio manual para contrarrestar as ameazas híbridas. Necesitamos acadar con urxencia un consenso sobre como responder a determinados incidentes. Os que non chegan a constituír unha agresión armada, pero supoñen unha clara ameaza para a nosa seguridade nacional. Noutras palabras, un mecanismo para complementar o «artigo 4» da OTAN.
Creo que chegou o momento de que Europa adopte o seu propio artigo 4, ou un protocolo de seguridade de emerxencia. Que, ao ser activado por un Estado membro, faga que todos os Estados membros se reúnan. Para coordinar unha resposta europea. Para impedir unha nova escalada. E para mitigar o impacto.
E creo que debemos ir aínda máis alá.
Durante moito tempo debatemos sobre un formato de líderes centrado na seguridade do noso continente. Con socios como Canadá, Noruega, Ucraína, o Reino Unido e outros participantes.
Isto adquire agora unha maior urxencia, se cabe, dada a natureza e a magnitude dos riscos en xogo. Por este motivo, presentaremos as nosas ideas para facer realidade un Consello Europeo de Seguridade.
A urxencia é clara.
Señorías:
Esta fronte unida tamén impulsa o noso traballo en materia de defensa europea.
O aumento do gasto en defensa deu lugar a niveis récord de investimento nas nosas capacidades e forzas.
Estanse a poñer en marcha novos proxectos conxuntos. E estamos gastando máis en Europa que nunca.
Pedidos máis importantes para a nosa industria, máis interoperabilidade e máis economías de escala. Agora temos que levar este enfoque ao seguinte nivel.
A guerra en Ucraína mostrounos a importancia dos elementos de apoio estratéxicos. Trátase dos activos de apoio esenciais e dos multiplicadores de forza nos que se basea calquera defensa crible. Desde a defensa aérea e antimisiles ata o transporte estratéxico e o reabastecemento en voo. Desde o espazo ata o ciberespazo.
Estes sistemas son esenciais e necesitamos máis. Europa só ten a escala necesaria para conseguilos se actuamos xuntos.
Por iso podo anunciar un novo instrumento europeo para os elementos de apoio estratéxicos, que está plenamente aliñado coa OTAN. Porque só unha posición europea forte e crible en materia de defensa garantirá a nosa seguridade.
E que non haxa dúbida: Europa defenderá cada metro cadrado do seu territorio.
Señorías:
Cada día, os homes e mulleres de Ucraína demostran o que iso significa.
Sabemos que o vindeiro inverno será duro para Ucraína. Pero tamén sabemos que os mísiles norcoreanos e os drons rusos non poden quebrantar o espírito de resistencia dos ucraínos.
Porque os ucraínos están loitando por algo. Están loitando pola supervivencia do seu país, a súa identidade e a súa liberdade.
E tamén están loitando pola nosa liberdade e a nosa autonomía.
O noso deber segue sendo facer todo o que estea nas nosas mans para apoiar Ucraína nesa loita.
Concretamente, isto implica o seguinte: en primeiro lugar, apoiaremos Ucraína máis ca nunca no inverno máis duro da guerra. Xunto cos nosos socios, prestaremos axuda humanitaria e reforzaremos a subministración de enerxía e calor a Ucraína.
En segundo lugar, fortaleceremos a defensa aérea de Ucraína. A semana pasada, aprobamos por primeira vez a adquisición de mísiles Patriot estadounidenses, que deben entregarse con urxencia.
Pero tamén debemos reducir conxuntamente a nosa dependencia dun único provedor.
Por este motivo, queremos desenvolver xunto con Ucraína un sistema de defensa antimisiles barato e modular.
O eixo central desta colaboración é o proxecto Freyja, que nos está permitindo unir a experiencia de combate e a capacidade de innovación dos ucraínos co liderado tecnolóxico de Europa. E, por suposto, coa nosa considerable capacidade de produción.
E Freyja só é o principio. Fai falta máis. Cos fondos restantes do instrumento SAFE, poremos en marcha un novo programa para proxectos conxuntos con empresas ucraínas.
En terceiro lugar, endureceremos as nosas sancións contra Rusia.
A presión sobre Rusia debe seguir aumentando. Isto non debe implicar necesariamente a imposición de novas sancións, senón, sobre todo, a aplicación das xa existentes.
As nosas sancións fan dano. Están exercendo unha enorme presión sobre a economía rusa. Rusia está facendo todo o posible para eludilas. Así que debemos bloquear todas as posibles vías de elusión.
Porque, señorías,
Cada día deste verán, as cidades ucraínas sufriron un ataque aéreo tras outro.
En Kryvyi Rih, drons rusos atacaron un centro comercial ateigado de xente a plena luz do día. A continuación, volveron atacar, apuntando deliberadamente aos equipos de rescate que se precipitaran a prestar axuda.
Isto non é só unha guerra. É unha estratexia deliberada de terror.
Pero os ucraínos demostraron en innumerables ocasións que posúen un espírito inquebrantable. E este verán, unha nena demostrou a todo o mundo a verdadeira esencia disto.
Cando comezou a guerra, Sasha era unha nena de seis anos cunha gran paixón. Encantáballe a ximnasia máis ca nada no mundo. Pero un día soleado de maio, un mísil ruso impactou na súa casa. Sasha foi rescatada dos cascallos. Estivo en coma durante dúas semanas. E cando espertou, descubriu que perdera a perna esquerda para sempre. Parecía que o seu soño se derrubara xunto coa súa casa.
Pero Sasha negouse a renderse. Tan só sete meses despois do ataque, regresou ao ximnasio coa súa nova perna protésica. Adestrou máis ca nunca. E comezou a gañar unha medalla de ouro tras outra.
Este verán percorreu o mundo coa súa xira «Dance of Freedom». O seu obxectivo é informar o mundo sobre a resiliencia ucraína na loita pola liberdade. Inspirou persoas na Torre Eiffel e en Times Square, en Río e en Toquio.
E hoxe quere transmitir a súa mensaxe aquí, no corazón de Europa.
Señorías, convídovos a unirdes comigo para dar a benvida a Sasha.
Es unha gran inspiración para todos nós.
Slava Ukraini!
Señorías:
O profundo sufrimento en Gaza e a violencia desenfreada dos colonos en Cisxordania conmocionaron os europeos.
A decisión do Goberno israelí de seguir adiante co proxecto ilegal de asentamento E1 é inaceptable.
O ano pasado pedín a Europa que actuase e propuxen unha serie de medidas.
Para moitos europeos é doloroso que os Estados membros non fosen capaces de acadar as maiorías necesarias para dar unha resposta unificada. Algúns Estados membros tomaron a iniciativa. Outros están estudando a posibilidade de facelo.
Cando Europa está dividida, non consegue cambiar o curso dos acontecementos.
Os vindeiros meses na rexión serán cruciais. A pesar destes retos, Europa está liderando a prestación de apoio ao pobo palestino.
Ninguén proporcionou máis axuda ca nós. A través do Grupo de Doantes para Palestina e da iniciativa do Equipo Gaza, reunimos sesenta e cinco delegacións. Xuntos, comprometemos case mil millóns de euros para reconstruír Gaza e contribuír á consolidación dunha Autoridade Palestina moderna.
Europa apoia o dereito de Israel á lexítima defensa. E o pobo palestino ten o mesmo dereito a vivir con seguridade e dignidade.
Correspóndelle a Europa manter viva a chama dunha solución de dous Estados.
Señorías:
Ao longo deste discurso, referinme á necesidade de que Europa actúe conxuntamente. Ou correrá o risco de que a separen.
Este verán, unha vez máis, esta realidade púxose a proba nas nosas fronteiras.
Desde as nosas fronteiras orientais ata as costas de Creta e ao outro lado do Mediterráneo. E, por suposto, coa crise de Ceuta. Son acontecementos de distinta natureza, pero que teñen dúas cousas en común. A primeira é a explotación de persoas vulnerables. Por parte de tratantes de persoas e traficantes sen escrúpulos. Por parte dos nosos adversarios. Isto levounos a propoñer un réxime de sancións para atacar os delincuentes onde máis lles doe.
Enlazo así co segundo paralelismo.
Todas as nosas fronteiras exteriores son fronteiras europeas. De modo que quero dirixirme directamente ao pobo español.
A fronteira de Ceuta é unha fronteira europea. Porque Ceuta é España. Ceuta é Europa. E Europa estará aí para axudarvos.
A cuestión é que a única solución é unha solución europea. E é o Pacto sobre Migración e Asilo.
Despois de anos de traballo, por fin temos un marco europeo común. Un que outorga responsabilidades a todos e esixe solidariedade a todos. E agora cómpre aplicalo plenamente.
Imos polo bo camiño. Nos dous últimos anos vimos unha redución do 55 % das chegadas irregulares. E diminuíron outro 35 % este ano. É un progreso real.
Porén, o acontecido este verán demostra que as nosas ferramentas deben evolucionar, sobre todo ante as situacións de emerxencia. Europa necesita os medios para protexer as súas fronteiras en todo momento. Especialmente en situacións nas que se traman e utilizan como arma movementos de masas. Por iso propoñeremos un novo marco europeo de resposta ás emerxencias.
Só se activará cando se cumpra un conxunto de criterios estritamente definidos. E, neses casos, permitirá flexibilizar temporalmente e de acordo cunhas condicións estritas os procedementos normalizados.
A mensaxe de Europa é clara: sempre respectaremos os nosos valores e os dereitos fundamentais. Pero nunca faremos concesións sobre a protección das nosas fronteiras. Somos nós, os europeos, quen decidimos quen vén á nosa Unión e en que circunstancias. E non os tratantes nin os traficantes.
Esta é a razón pola que tamén intensificaremos o noso traballo para reforzar Frontex, en especial para acelerar os retornos. Melloraremos os nosos sistemas de alerta temperá, tamén en colaboración con terceiros países. Asegurarémonos de poder detectar e anticipar por medios telemáticos. E, por último, seguiremos abordando as causas profundas da migración irregular.
Temos que colaborar cos nosos veciños para incentivar o investimento. Para ofrecer aos mozos perspectivas significativas e que non se sintan obrigados a xogarse a vida. Postos de traballo, competencias, formación e aprendizaxe.
Por iso anuncio hoxe unha nova iniciativa mediterránea de competencias e emprego para a mocidade.
Señorías:
Así é como podemos reducir a migración irregular. Protexer os dereitos das persoas que buscan protección. Facilitar unha migración segura e regular con novas oficinas de pasarela nos países socios. E defender as liberdades do noso espazo Schengen. Pero, por riba de todo, así é como podemos demostrar que Europa pode actuar conxuntamente.
Señorías:
Esta necesidade de solucións colectivas europeas é máis importante ca nunca. Porque tamén a nosa democracia europea está baixo ameaza.
Unha e outra vez, vimos como a desinformación e as inxerencias estranxeiras tratan de dividirnos. Intentan erosionar a confianza no noso tecido democrático e na liberdade dos nosos medios de comunicación. Campañas electorais envelenadas pola propaganda estranxeira. Teorías conspirativas baseadas en vídeos de ultrafalsificacións que se fan virais.
Isto é unha guerra cognitiva. En Europa, formamos as nosas opinións baseándonos no acceso a información fiable e independente. Así é como debatemos, chegamos a acordos e atopamos solucións, mesmo sobre cuestións controvertidas. Esta apertura é a nosa maior fortaleza. Pero os nosos opoñentes están a utilizala como arma para distorsionar o debate e a verdade.
De modo que necesitamos unha capacidade colectiva para anticipar, detectar e responder. Por iso, o ano pasado anunciei o Centro para a Resiliencia Democrática. Os resultados do seu traballo xa son coñecidos nos Estados membros e nesta Cámara. Seguiremos traballando aínda con máis intensidade, poñendo en común os nosos recursos cos Estados membros e coas partes interesadas.
Pero non deberiamos facernos ilusións. As ameazas ás nosas democracias non proceden só do exterior. Vemos o auxe de forzas antidemocráticas e antieuropeas. E coñecemos os riscos.
Pero nada é inevitable. Abonda con mirar a Hungría.
A data do 12 de abril permanecerá durante moito tempo na nosa memoria. O día en que o pobo húngaro tomou as rendas do seu futuro. E elixiu a democracia. Elixiu Europa. Devolveu Hungría ao lugar ao que pertence: ao corazón da nosa Unión.
Comezaron a reverterse anos de retroceso. A loita contra a corrupción e a captura do Estado estase acelerando. Hai avances reais en dereitos fundamentais. En liberdade académica. E xa se desbloquearon miles de millóns de euros de investimento en Hungría.
Por suposto, queda moito por facer. Pero isto demostra que o traballo duro ten a súa recompensa.
Grazas aos nosos informes sobre o Estado de dereito, calquera posible problema se detecta de inmediato e se aborda mediante o diálogo.
E, grazas a esta Cámara, estreitamos a vinculación entre os fondos e o respecto do Estado de dereito.
Co próximo orzamento a longo prazo debemos ir aínda máis lonxe. O respecto do Estado de dereito e dos dereitos fundamentais é unha condición indispensable para recibir fondos da UE. Debe quedar claramente reflectido no orzamento. Así é e así seguirá sendo no futuro.
Señorías:
A esencia da democracia radica en dar ás persoas o poder de elixir a sociedade na que queren vivir.
Hoxe en día, aos pais e ás nais quitóuselles das mans boa parte deste poder. A mocidade europea pasa entre catro e seis horas ao día diante das pantallas. Os nenos e nenas están cada vez máis inmersos en fluxos de contidos deseñados para que non deixen de desprazarse por eles.
O que estamos presenciando é unha captura a grande escala dos nosos menores. Unha captura da súa atención, da súa concentración, da súa mente. Isto está privando os nenos e nenas da súa infancia.
O que os nosos fillos e fillas necesitan é tempo para medrar por si mesmos. Para medrar cos demais. Para enfrontarse a todas as emocións e decisións que implica a vida real. Necesitan mesmo tempo para aburrirse. Porque é entón cando teñen que utilizar a súa imaxinación. Cando teñen que falar, coincidir, discrepar, formarse unha opinión, cambiar de opinión.
Pero cando un neno ten un teléfono intelixente, todo isto é arrebatado.
Día e noite, os pais e nais ven cal é o custo: perda do sono, ansiedade e mesmo autolesións.
E en cada vez máis casos, mesmo traxedias mortais. Como a de Oléa, unha nena de 14 anos que vivía en Bélxica.
Oléa, que era vítima de acoso en liña, quitouse a vida hai exactamente un mes.
A súa historia é tan tráxica e triste que non estaba segura de incluíla aquí.
Pero resulta conmovedor como a nai de Oléa falou sobre a súa filla. E con que paixón para impedir que isto lles suceda a outros.
Quero facer xustiza ás súas palabras, así que falarei en francés, como o fixo ela.
«Je suis persuadée que sans ces réseaux omniprésents, ma fille serait toujours là. C'est trop.» («Estou convencida de que sen estas redes omnipresentes a miña filla seguiría aquí. Xa abonda.»)
Señorías:
Ten toda a razón. C'est trop. Xa abonda.
Convoquei un grupo especial de expertos. Falamos coa mocidade. Fixámonos en Australia e noutros países que van máis adiantados. E agora tócalle actuar a Europa.
Mañá, a Comisión proporá a Lei sobre a seguridade dos menores en liña («EU KIDS ACT»). Adoptaremos un enfoque gradual e diferenciado. Cada idade ten as súas propias sensibilidades. E, polo tanto, cada unha terá o nivel de protección adaptado á súa medida.
Non haberá redes sociais para os menores de 13 anos. Nin contas persoais para os menores de 15 anos.
Isto significa que, desde os 13 anos ata que o menor cumpra os 15, só haberá minicontas creadas e supervisadas polos proxenitores, con funcionalidades limitadas e restricións temporais. E entre os 15 e os 18 anos, o deseño seguro será obrigatorio para as plataformas.
Son consciente de que moitos perciben o poder das grandes empresas tecnolóxicas como abrumador. E imposible de contrarrestar.
Non estou de acordo.
Non temos que aceptar funcionalidades adictivas. Non temos que aceptar que os nenos e nenas sexan atraídos cara a contidos cada vez máis extremos. Non temos que aceptar que as fotografías das nenas se utilicen para xerar mediante IA imaxes sexualizadas.
Así que imos inverter a carga da proba.
Serán as plataformas as que terán que demostrar que son seguras. Porque non se trata do acceso dos nosos menores ás redes sociais. Trátase de cando e como permitimos que as redes sociais accedan aos nosos menores.
Europa ten poder para actuar. Somos nós quen decidimos as nosas normas, non as grandes empresas tecnolóxicas.
Pero non son só os menores os que están en risco. O deseño adictivo, por exemplo, está prexudicando todo o mundo. Esta é a razón pola que necesitamos un marco máis amplo, a Lei de Equidade Dixital. Propoñerémola no outono.
Señorías:
Todo isto móstranos o que Europa pode conseguir sobre o que realmente importa. Pero tamén temos que volver gañar o corazón dos europeos. Facer aflorar ese sentimento de pertenza a algo maior ca nós mesmos.
A pertenza a unha misión común. A certeza de que, entre europeos, estaremos sempre aí para axudarnos uns aos outros.
Porque abonda con mirar fóra das nosas fronteiras para comprender o viva que segue estando esta idea europea.
Abonda con mirar cara a Ucraína e cara a Moldavia. Cara aos Balcáns Occidentais. Abonda con mirar cara a todos estes países próximos á nosa Unión.
E, porque o seu futuro está dentro da nosa Unión, pronto propoñeremos follas de ruta para os candidatos máis avanzados.
Será un proceso que seguirá estando baseado nos méritos. E, señorías, repítoo unha vez máis: o respecto dos nosos valores é innegociable.
Horroriceime coas imaxes do funeral de Ratko Mladić en Belgrado a semana pasada.
Cometeu os máis atroces crimes contra a humanidade.
A glorificación dos criminais de guerra sinxelamente non ten cabida na Unión Europea.
Todas as vítimas das guerras na antiga Iugoslavia merecen ser lembradas, e todas as súas familias merecen a nosa compaixón.
Porque isto é o que defendemos como Unión: a verdade, a xustiza e o respecto dos nosos valores.
Señorías:
Europa manterase sempre fiel aos seus valores. A nosa Unión naceu como un proxecto de paz. Para que o noso pasado tráxico cedese o lugar a un futuro común para os europeos.
Décadas despois, millóns de persoas seguen vendo en Europa unha promesa; ás veces, en lugares tan afastados como Canadá.
E, con todo, con frecuencia esquecemos ata que punto esta promesa segue sendo poderosa.
Despois da guerra, en 1948, celebrouse un Congreso de Europa. Nel reuníronse as mentes máis preclaras do noso continente para reflexionar sobre o futuro da cooperación europea. Para facer medrar esta idea europea que é a nosa. Como sociedade, debemos recuperar esa capacidade de pensar Europa.
O ano que vén celebraremos o histórico 70 aniversario do Tratado de Roma.
Con esa ocasión, hoxe anuncio que convocaremos un novo Congreso de Europa.
Necesitamos as nosas mentes máis brillantes; de toda a nosa Unión e do conxunto do noso gran continente. Xuntas, elaborarán unha visión capaz de inspirar a nova xeración de europeos. Capaz de volver conquistar o imaxinario europeo. Para que a próxima xeración poida escribir a súa propia historia.
Non esquezamos nunca como naceu a nosa Unión. Pobos que estiveran durante moito tempo en guerra uníronse para construír un destino común. Un destino de paz e prosperidade, de democracia e liberdade.
Non deixaron escrito ata onde debía conducirnos finalmente ese destino. Pero cada xeración construíu sobre o legado da anterior. Paso a paso. Pedra sobre pedra.
Por suposto, seguen aí as nosas imperfeccións, a nosa diversidade e as nosas diferenzas. Pero iso é precisamente o que fai de Europa a nosa Europa. A nosa casa común.
Así que, señorías:
Retomemos o control do noso porvir.
Vive l'Europe.
Es lebe Europa.
Longa vida a Europa!









