Europe Direct Galicia achega as oportunidades profesionais da UE á mocidade en Conecta Talento
O encontro, celebrado no Porriño, reuniu a máis de 50 empresas e entidades e permitiu ás persoas asistentes coñecer novas opcións de emprego, formación e desenvolvemento profesional

19 de maio de 2026.- O pasado 19 de maio, Europe Direct Galicia participou en Conecta Talento, un encontro organizado polo Concello do Porriño para achegar á mocidade diferentes oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento profesional.
Ao longo da xornada, o equipo de Europe Direct Galicia informou as persoas asistentes sobre as posibilidades que ofrece a Unión Europea no ámbito profesional, con especial atención ás oportunidades de emprego, prácticas e outras saídas profesionais en Europa.
Conecta Talento reuniu a máis de 50 empresas e entidades e ofreceu ás persoas participantes a posibilidade de coñecer diferentes opcións profesionais, participar en entrevistas e sesións inspiradoras, establecer novos contactos e descubrir alternativas formativas.

A presenza de Europe Direct Galicia permitiu incorporar ao encontro a dimensión europea e achegar á mocidade información sobre as oportunidades que ofrece a Unión para desenvolver a súa traxectoria profesional máis alá das fronteiras.
A xornada contou cunha elevada participación e permitiu tamén establecer contacto con diferentes representantes institucionais. Durante o encontro, o equipo de Europe Direct Galicia puido conversar co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
A participación en iniciativas como Conecta Talento forma parte do compromiso de Europe Direct Galicia por achegar á cidadanía, e especialmente á mocidade, as oportunidades que ofrece a Unión Europea e facilitar o acceso a información útil para o seu futuro académico e profesional.









