top of page

Europe Direct Galicia colabora na organización da visita dunha delegación da rexión ucraína de Zakarpatia no marco do programa europeo ‘TIPS4UA’

Writer: europedirect94
europedirect94
Sep 22
2 min read
  • A delegación, integrada por representantes da administración rexional, responsables municipais e especialistas en desenvolvemento económico, cooperación internacional e xestión de proxectos, será recibida polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.


 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026.– Galicia recibe estes días unha delegación institucional da rexión ucraína de Zakarpatia no marco de ‘TIPS4UA’ (Training and Internship Program Support for Ukrainian Municipalities), un programa europeo orientado ao intercambio de coñecemento e ao reforzo das capacidades das administracións públicas ucraínas.

 

A delegación está integrada por representantes de distintos niveis da Administración de Zakarpatia. Entre eles, o vicepresidente primeiro do Consello Rexional, o director do Departamento de Desenvolvemento Económico e Rexional e o responsable da Oficina Rexional de ‘U-LEAD with Europe’ en Zakarpatia. A representación municipal inclúe os alcaldes de Dovhe, Kolochava e Yasinia, así como responsables de proxectos, economía e cooperación internacional dos respectivos concellos.

 

No marco dunha ampla axenda de actividades, a delegación será recibida en Santiago o mércores, 23 de setembro, polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Ademais, manterá encontros con diferentes departamentos da Xunta, como a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos ou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

 

A delegación tamén será recibida por Europe Direct Galicia e a Fundación Galicia Europa, coorganizadoras da visita. Neste encontro, coñecerá o traballo desenvolvido por ambas as entidades e o papel de Europe Direct Galicia como punto de conexión entre a Unión Europea e a cidadanía galega, da man da súa responsable, Pilar del Oro.


A axenda en Santiago rematará cunha visita guiada a diferentes puntos de interese da capital galega e á Cidade da Cultura.

 

Ourense e a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como territorio de aprendizaxe

 

Esta visita forma parte dunha estadía máis ampla na que a delegación ucraína coñecerá iniciativas desenvolvidas en Ourense e noutros puntos de Galicia, da man da Deputación ourensá.

 

O obxectivo do programa é favorecer un intercambio práctico de coñecementos entre administracións, compartindo coa delegación experiencias que poidan resultar de interese para os seus territorios en materia de xestión de fondos europeos, modernización da Administración, cooperación territorial, desenvolvemento rural ou promoción internacional.

 

Ao mesmo tempo, a visita busca xerar novas relacións entre institucións galegas e ucraínas e dar a coñecer actuacións de cooperación transfronteiriza, como as que se desenvolven no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, así como iniciativas relacionadas coa recuperación e valorización do patrimonio rural.

 
 
bottom of page