top of page

Europe Direct Galicia estrea pUEzzle, un xogo cooperativo para construír Europa

Writer: europedirect94
europedirect94
Aug 7
2 min read

A actividade reunirá en San Xoán de Río a mozos e mozas de España, Italia, Croacia e Romanía nun reto no que ninguén gaña nin perde: o obxectivo é construír xuntos a Unión Europea.


Imaxe: ED Galicia 2026©


San Xoán de Río, 6 de agosto de 2026. Europe Direct Galicia, o servizo de información europea da Fundación Galicia Europa, estreará o vindeiro 13 de agosto pUEzzle, un xogo cooperativo de gran formato que achega a historia e os valores da Unión Europea á mocidade a través da colaboración e da responsabilidade compartida.


A actividade celebrarase na área recreativa de San Xoán de Río (Ourense), no marco do encontro internacional de mocidade organizado polo concello dentro do proxecto europeo Rural EU, no que participan entidades de España, Italia, Croacia e Romanía.

Durante o xogo, as persoas participantes deberán superar diferentes retos para construír unha Unión Europea a tamaño real sobre unha gran lona instalada ao aire libre. A primeira proba consistirá en completar a bandeira europea identificando doce beneficios reais da Unión Europea entre diferentes opcións. A continuación, reconstruirán o mapa da UE colocando os Estados membros segundo a orde histórica das sucesivas ampliacións, desde os seis países fundadores de 1957 ata a incorporación de Croacia en 2013, incorporando tamén unha referencia ao Brexit como último gran cambio na composición da Unión.


Ao contrario do que sucede na maioría das dinámicas de grupo, en pUEzzle non hai gañadores nin perdedores. As probas están deseñadas para que o grupo avance de forma conxunta, de maneira que o éxito dependa da cooperación entre todas as persoas participantes. Na fase final desaparecen incluso os equipos e o obxectivo pasa a ser completamente compartido.


Como recordo da experiencia, cada participante recibirá un “Pasaporte de Arquitecto Europeo”, un documento simbólico que irá selando ao longo das diferentes fases do percorrido.


Dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, pUEzzle non require coñecementos previos sobre a Unión Europea e foi concibido como un recurso divulgativo facilmente adaptable a outros contextos, como centros educativos, universidades ou actividades xuvenís.


O deseño e desenvolvemento da actividade corre a cargo de Apoio Cooperativo, en colaboración co equipo técnico da Fundación Galicia Europa.


DATOS DA ACTIVIDADE

Que? pUEzzle, xogo cooperativo sobre a Unión Europea.

Cando? Xoves, 13 de agosto de 2026.

Onde? Área recreativa de San Xoán de Río (Ourense).

Quen participa? Mocidade de España, Italia, Croacia e Romanía.

Organiza: Europe Direct Galicia · Fundación Galicia Europa.

 

 
 
bottom of page