Europe Direct Galicia participa en Valença nun encontro transfronteirizo para impulsar a participación xuvenil
A xornada «Desafíos Xoves» reuniu a mocidade de Galicia e do norte de Portugal arredor da cooperación, o emprendemento e a innovación

Imaxe: Europe Direct Galicia, 2026
O pasado 23 de maio, Europe Direct Galicia participou en Valença no encontro e mostra transfronteiriza «Desafíos Xoves», un espazo dedicado a poñer en valor o talento e a participación da mocidade de Galicia e do norte de Portugal.
A xornada estivo marcada pola cooperación e polo intercambio de experiencias entre mozos e mozas de ambos os lados da fronteira, con diferentes actividades orientadas a reflexionar sobre o futuro da Eurorrexión e as oportunidades para as novas xeracións.
Durante o encontro tivo lugar unha sesión de storytelling centrada no emprendemento e na construción dun futuro sólido no territorio común, creando un espazo para compartir experiencias e ideas sobre como desenvolver novos proxectos e oportunidades profesionais.
A innovación no medio rural foi outro dos eixes da xornada. As persoas participantes puideron coñecer proxectos como ROOTS, centrado en ecoloxías de impacto, e Junior Coders, orientado á capacitación das novas xeracións para afrontar os retos globais a través da tecnoloxía e a innovación.
O programa incluíu tamén «Desafíos Ritmados», unha actividade que empregou a música e o ritmo como ferramenta para reforzar a conexión e o traballo colectivo entre as persoas participantes.

Imaxe: Europe Direct Galicia, 2026
Para Europe Direct Galicia, a participación neste encontro supón unha oportunidade para seguir achegando a dimensión europea á mocidade e reforzar os vínculos entre Galicia e o norte de Portugal, un espazo no que a cooperación transfronteiriza constitúe unha ferramenta fundamental para xerar novas oportunidades.









