O euro prepárase para estrear unha nova imaxe: o BCE presenta os deseños dos futuros billetes
A cidadanía europea xa pode coñecer as dez propostas finalistas e participar na enquisa que contribuirá á elección do deseño da próxima serie

Imaxe: European Central Bank, 2026
O Banco Central Europeo (BCE) deu un novo paso no proceso de redeseño dos billetes en euros. Máis de vinte anos despois da introdución da primeira serie, o BCE traballa nunha nova xeración de billetes que busca adaptarse ás necesidades actuais e reforzar aspectos como a seguridade, a accesibilidade, a inclusión e a sustentabilidade.
O pasado mes de xullo, o BCE presentou as dez propostas de deseño preseleccionadas para a próxima serie de billetes e abriu unha enquisa pública para coñecer as preferencias da cidadanía europea. A consulta estará aberta ata o 21 de setembro de 2026.
As propostas parten de dous temas seleccionados polo BCE: «A cultura europea» e «Ríos e aves». O primeiro busca poñer en valor o patrimonio cultural europeo e aqueles elementos compartidos que contribúen a crear un sentimento de pertenza común. O segundo representa a conexión de Europa coa natureza e destaca que os ríos e as aves non entenden de fronteiras, como símbolo de liberdade e unidade.
O proceso de selección contou cunha ampla participación. Máis de 1.200 deseñadores gráficos mostraron inicialmente o seu interese no concurso, dos que 25 foron convidados a presentar as súas propostas. Posteriormente, un xurado independente formado por 21 expertos seleccionou os dez deseños que chegaron a esta fase.
Ademais de actualizar a imaxe do euro, o redeseño pretende responder a cuestións prácticas. Os futuros billetes incorporarán novos elementos de seguridade para dificultar a súa falsificación e facilitar a súa comprobación, ao tempo que se estudarán melloras para facelos máis fáciles de recoñecer e manexar e reducir o seu impacto ambiental.
A decisión definitiva sobre o aspecto dos novos billetes está prevista para finais de 2026. A partir dese momento comezarán as fases de desenvolvemento e produción, polo que aínda pasarán varios anos antes de que os novos billetes cheguen á circulación.
Desde Europe Direct Galicia animamos a cidadanía a coñecer as propostas e participar neste proceso, que ofrece tamén unha oportunidade para reflexionar sobre como queremos representar a identidade europea nun dos elementos máis cotiáns e recoñecibles da nosa vida en común.









