top of page

San Xoán de Río recibe o recoñecemento europeo polo seu compromiso coa inclusión e a diversidade

Writer: europedirect94
europedirect94
Jun 27
2 min read

O municipio ourensán foi distinguido co terceiro premio na categoría de localidades de menos de 50.000 habitantes nos Premios de Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade


Imaxe: Concello de San Xoán de Río, 2026.


San Xoán de Río foi recoñecido a nivel europeo polo seu compromiso coa inclusión social e a diversidade. O municipio ourensán, de pouco máis de 500 habitantes, acadou o terceiro premio na categoría de localidades de menos de 50.000 habitantes dos Premios de Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade.


O galardón pon en valor o traballo desenvolvido polo concello para facer fronte a diferentes retos do medio rural, entre eles o despoboamento, o envellecemento e o illamento, a través de iniciativas que combinan innovación, participación cidadá e novas tecnoloxías.


Entre os proxectos destacados atópase «VoaComida», unha iniciativa que emprega drons para facer chegar menús saudables, completos e sostibles ás persoas maiores que viven en zonas illadas ou de difícil acceso. O proxecto está liderado polo Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo e representa un exemplo de como a innovación tecnolóxica pode contribuír a mellorar a calidade de vida no medio rural.


Outro dos proxectos sinalados é o Rural University Hub, un ecosistema que converte San Xoán de Río nun punto de encontro entre universidades, startups, centros tecnolóxicos e administracións, favorecendo a colaboración e o intercambio de coñecemento.


O municipio tamén destaca polo seu traballo coa mocidade e pola súa participación en iniciativas europeas. San Xoán de Río promove a implicación dos mozos e mozas nos debates sobre o futuro da Unión Europea, conectando as cuestións locais cos grandes retos europeos e facilitando que a mocidade participe na construción do proxecto común.


O recoñecemento europeo pon así o foco nun modelo de desenvolvemento rural baseado na innovación, na cooperación e na inclusión, demostrando que o tamaño dun municipio non é un límite para impulsar iniciativas con impacto.


Desde Europe Direct Galicia celebramos este recoñecemento a San Xoán de Río e o traballo desenvolvido polo concello e pola súa veciñanza, que demostra a capacidade dos pequenos municipios galegos para participar activamente no proxecto europeo e ofrecer respostas innovadoras aos retos sociais e territoriais.


O premio supón tamén unha oportunidade para visibilizar fóra de Galicia iniciativas que nacen no territorio e que poden servir de inspiración para outras comunidades rurais europeas.

 
 
bottom of page