Tes tres segundos - o reto de comunicar sobre a UE na era da présa
Adriana Rodríguez Novo. Fundación Galicia Europa
Revista ECO. Agosto 2026

Imaxe: © TOXO AGENCY 2026
Facerse maior pode ser sinónimo de acomodarse e perder a rebeldía. Pero tamén significa adaptarse a novas realidades. Por exemplo: a diferenza dos nenos, que aínda teñen a capacidade de observar o mundo con calma e curiosidade, os adultos sometémonos a unha inercia dixital que se traduce en darlle apenas tres segundos ás noticias para que capten a nosa atención. Máis alá dese tempo, é probable que pasemos á seguinte.
En certo xeito, vivimos cos sentidos adormecidos pola présa; adoptamos a lei non escrita do rexeitamento a todo o que vaia amodo.
Como profesionais da comunicación, enfrontámonos ao fenómeno da inmediatez informativa que supón encapsular acontecementos e proxectos, debates e crises, nun post de Instagram ou nun reel duns poucos segundos. Todo moi conciso. Moi preciso. Sempre nadando na superficie da noticia porque é o que a sociedade consume: información a bocados, sen degustala. E nesta "economía da atención", onde o instantáneo debilita a calidade, dámonos a man para aceptar que así sexa.
Porén, a comunicación de calidade —a que busca informar, formar e entreter— é moito máis complexa se pretendemos transmitir a realidade de forma correcta e coa profundidade necesaria; ler máis alá dos titulares, deseñados exclusivamente para capturar o clic, tamén é saudable.
En medio deste ritmo dixital, a Unión Europea emerxe como un punto de pausa. O seu tecido institucional e os seus procesos lexislativos son minuciosos, deliberativos e pausados. A miúdo, esa lentitude provoca incomodidade nun público programado para o fugaz. Pero en comunicación, o camiño máis rápido non sempre resulta o mellor. A UE é, en esencia, a balanza que busca o equilibrio entre 27 realidades distintas.
Construír unha unión tan forte a pesar das profundas diferenzas culturais e lingüísticas é un fito sen precedentes. Detrás da bandeira azul e as doce estrelas non hai só despachos en Bruxelas; hai persoas, debates, consensos e decisións que moldean o noso día a día, desde a calidade do aire que respiramos ata os dereitos dixitais que desfrutamos, aínda que non sempre nos decatemos diso.
Polo tanto, reducir a UE a un logotipo ou a unha burocracia afastada é unha simpleza comunicativa. Como comunicadores, o noso reto non é só adaptarnos aos novos hábitos de consumo —algo indispensable—, senón tamén abrazar esa "lentitude" institucional e traducila en valor pedagóxico.
“Comunicar o que acontece na UE non é encher un feed de noticias; trátase de sementar o sentido de pertenza”
Unha lei transformadora non se redacta nin se aproba no tempo que dura unha story. Do mesmo xeito, a comunicación que impacta, a que fai reflexionar e botar raíces, tampouco se cociña en tres segundos. Pensemos nos libros e as películas que marcan a nosa vida: requiren tempo e atención sostida, pois o que de verdade deixa pegada non se crea nun pestanexo.
Hai unha palabra máxica: oportunidade. Por aí pasa o desenlace deste reto. Para que os cidadáns poidamos comprender e valorar o papel crucial da Unión, cómpre cambiar o enfoque; non podemos esperar a que a xente nova cumpra 18 anos para abrirlle as portas da UE, converténdoa nun concepto abstracto que só se descubre cando votas por primeira vez. É vital integrar a realidade comunitaria: que forme parte do sistema educativo desde as etapas temperás.
Se ensinamos á mocidade a comprender o que significa a Unión Europea, será máis doado que sintan ese espazo común como algo máis próximo e relevante para o seu futuro. Estaremos contribuíndo a formar unha cidadanía crítica, capaz de valorar axeitadamente os avances sociais do seu tempo.
Despois de todo, comunicar o que acontece na UE non é encher un feed de noticias. Vai moito máis alá. Trátase de sementar o sentido de pertenza e recoller os froitos da gran iniciativa social e económica que supón o proxecto da Unión. Pero para iso, definitivamente, precisamos tempo; algo máis de tres segundos.
Fonte: Revista ECO









