Unha porta aberta a Europa para a xuventude
Aitor Capeáns. Europe Direct Galicia
Revista ECO. Xullo 2026

Imaxe: © TOXO AGENCY 2026
As mozas e mozos galegos pasamos anos formándonos adquirindo coñecementos e preparándonos para o futuro. Porén, cando chega o momento de saltar ao mercado laboral, descubrimos que nos falta algo e ese algo é a experiencia práctica. Esa capacidade para movernos en contextos reais, esa seguridade que só adquirimos cando nos enfrontamos a novos retos. É precisamente aí onde programas como o IVY cobran todo o seu sentido.
Unha experiencia con impacto real
O programa IVY (Interreg Volunteer Youth), impulsado pola Comisión Europea e xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas, ofrece á mocidade a posibilidade de realizar un voluntariado de seis meses en proxectos de cooperación territorial europea. Isto significa colaborar con profesionais de distintos países en iniciativas que abordan desafíos reais en moitos ámbitos da sociedade. Pero o verdadeiramente relevante non é o catálogo de temas, senón o que esta experiencia produce na persoa que a vive.
Aprender facendo
Se algo distingue o voluntariado IVY é o seu carácter eminentemente práctico. Os voluntarios integrámonos en equipos de traballo reais, asumimos responsabilidades concretas e contribuímos ao avance de proxectos con impacto directo sobre o territorio.
Esta inmersión ten un efecto que non se pode replicar. Cando nos vemos na situación de coordinar tarefas con compañeiros e resolver imprevistos, estamos a desenvolver competencias que o mercado laboral valora enormemente e que, sen embargo, raramente se adquiren nas aulas. A xestión de proxectos, o traballo en equipo multidisciplinar, a capacidade de adaptación. Todas estas habilidades fórmanse na práctica, e o IVY ofrece o marco perfecto para iso.
Superar a barreira do medo e da inseguridade.
Un dos maiores obstáculos que atopamos á hora de buscar oportunidades no exterior é psicolóxico. Existe unha inseguridade que fai que a xuventude descarte opcións internacionais. O voluntariado IVY está deseñado precisamente para rebaixar esa barreira.
O programa cubre os gastos de viaxe, aloxamento, manutención e seguro e proporciona unha asignación diaria durante toda a duración da experiencia. Deste xeito, a situación económica deixa de ser un impedimento para acceder a unha experiencia internacional.
Pero máis aló do económico, o programa ofrece un acompañamento que facilita enormemente o proceso. As entidades de acollida proporcionan apoio e orientación, o que permite ao voluntario gañar confianza de forma progresiva. Non se trata de lanzarse ao baleiro, senón de dar un paso adiante nun camiño ben sinalizado.
Construír unha identidade europea sen esquecer as raíces
Participar nun programa como IVY non significa afastarse do propio territorio, senón comprender mellor o seu lugar dentro de Europa. A través desta experiencia, os voluntarios coñecemos de primeira man como funcionan os programas de cooperación territorial, como se xestionan os fondos europeos e como se constrúen proxectos comúns entre rexións con realidades diferentes.
Moito máis ca unha liña no currículo
Sería un erro reducir os beneficios do IVY á dimensión estritamente profesional e económica. Quen pasou por esta experiencia fala dunha transformación máis ampla e fonda. Isto forxa unha madurez persoal que vai moito máis aló do que se pode reflectir nun currículo. A Comisión europea recoñéceo explicitamente cando sinala que o IVY busca fomentar un maior sentido de cidadanía e compromiso cívico entre a xente moza, facéndolles conscientes dos beneficios da colaboración entre fronteiras e reforzando os valores de solidariedade.









