top of page

Xogando ao pUEzzle en San Xoán de Río

Writer: europedirect94
europedirect94
Aug 13
2 min read

A actividade reuniu en San Xoán de Río persoas de diferentes xeracións e participantes de España, Italia, Croacia e Romanía nun reto no que o obxectivo era construír xuntos a Unión Europea


Imaxe: ED Galicia 2026©


San Xoán de Río (Ourense), 13 de agosto de 2026. Europe Direct Galicia, o servizo de información europea da Fundación Galicia Europa, estreou este xoves en San Xoán de Río pUEzzle, un xogo cooperativo de gran formato deseñado para achegar a historia, os valores e as oportunidades da Unión Europea a través da colaboración e da participación.


A actividade desenvolveuse na área recreativa do concello ourensán no marco do encontro internacional de mocidade organizado dentro do proxecto europeo Rural EU, no que participan entidades de España, Italia, Croacia e Romanía.


A proposta partía dunha idea sinxela: para construír Europa, todas as pezas son necesarias. Ao longo do xogo, as persoas participantes tiveron que superar diferentes retos relacionados coa Unión Europea e ir construíndo colectivamente un gran pUEzzle.


Nun primeiro momento, completaron a bandeira europea identificando doce beneficios reais da Unión Europea entre diferentes opcións. A continuación, reconstruíron a historia das ampliacións da UE colocando os Estados membros no mapa seguindo a orde da súa incorporación, desde os seis países fundadores en 1957 ata a entrada de Croacia en 2013. O percorrido incluíu tamén unha referencia ao Brexit, como último gran cambio na composición da Unión.


Imaxe: ED Galicia 2026©


Pero pUEzzle non foi un concurso. Non houbo gañadores nin perdedores: o obxectivo era que todas as persoas avanzasen xuntas e que o resultado final fose colectivo. Na última fase, os equipos desapareceron para dar paso a un único reto común.

A actividade acabou tendo, ademais, un marcado carácter interxeracional. Xunto aos mozos e mozas participantes no encontro europeo, participaron persoas adultas, nais e pais cos seus fillos e fillas e mesmo avoas, demostrando que o coñecemento sobre Europa pode compartirse entre diferentes xeracións.


Un dos aspectos máis destacados da experiencia foi precisamente comprobar o interese e os coñecementos que os máis pequenos demostraron ao longo dos retos, converténdose tamén en protagonistas na construción colectiva do xogo.

Como recordo da actividade, as persoas participantes recibiron un “Pasaporte de Arquitecto Europeo”, que foi selado a medida que completaban as diferentes fases do percorrido.


O deseño e desenvolvemento da actividade correu a cargo de Apoio Cooperativo, en colaboración co equipo técnico da Fundación Galicia Europa.

Construír Europa tamén é un exercicio colectivo: coñecer, participar, colaborar e poñer cada peza no seu lugar.


 
 
bottom of page