Un novo orzamento plurianual para a UE: máis flexible e simple?
Vanessa Lobo, coordinadora de políticas europeas na Fundación Galicia Europa
Revista ECO. Xullo 2026

O debate arredor do futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034 centra as conversas en Bruxelas dende hai máis dun ano. Non é para menos: trátase do instrumento que fixa as prioridades e os límites de gasto da UE durante sete anos, e que require, ademais, unha complexa unanimidade entre os 27 Estados membros e o respaldo do Parlamento Europeo. Nesta ocasión, a proposta da Comisión rompe con inercias históricas e abre un escenario cargado de incertezas, aínda que tamén de oportunidades.
O contexto explica, en boa medida, o xiro: as tensións xeopolíticas empurran a Unión a reorientar os seus recursos cara a ámbitos considerados estratéxicos, como a competitividade, a seguridade e defensa. A consecuencia é clara: políticas tradicionais, como a cohesión e a PAC, perden peso relativo. O incremento do 140 % na rúbrica de “Competitividade, prosperidade e seguridade” é un síntoma evidente desta mudanza de prioridades.
Porén, o cambio máis relevante, e tamén máis polémico, afecta ao modo de xestión dos fondos preasignados a cada Estado membro. A creación dos chamados “plans de colaboración nacional e rexional” que integrarán, nun único documento por país, os actuais fondos de cohesión, agricul- tura ou pesca supón unha simplificación administrativa, pero tamén encerra un risco: a dilución do enfoque territorial. Se estes plans pasan a representar arredor do 44 % do orzamento comunitario—20 puntos menos có actual—, cabe preguntarse se as rexións manterán un papel efectivo na definición e execución dos fondos e, por tanto, na aplicación das políticas europeas.
A isto engádese o novo modelo de pagamentos baseado en fitos e obxectivos, inspirado no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. A experiencia recente invita á cautela: se ben este sistema está pensado para mellorar a orientación a resultados, a xustificación de custos seguirá a ser necesaria. Este dobre sistema podería implicar, por tanto, maior complexidade e comprometer a capacidade das administracións nacionais e rexionais.
Outro eixo clave é a flexibilidade orzamentaria. A aprendizaxe das crises recentes tradúcese en instrumentos que permiten reaccionar con maior rapidez. Un 25 % dos plans prevé reservarse para facer fronte a estas continxencias e situacións de emerxencia.
Finalmente, a cuestión dos novos recursos propios volve estar sobre a mesa. Sen ingresos adicionais, o equilibrio entre novas prioridades e políticas tradicionais parece difícil. Aínda así, a esixencia de unanimidade fai pouco probable avances significativos neste ámbito.
En conxunto, o MFP 2028-2034 aspira a converterse nun orzamento máis flexible e adaptado aos retos globais. A pregunta de fondo é se esta ambición se poderá compatibilizar cun modelo de gobernanza que preserve a cohesión territorial.









